Afondar no necesario e imprescindible
loito, describir as secuelas logo da morte dun ser próximo a cada
unha das protagonistas, é o elo de unión entre as tres historias
que Banana Yoshimoto recolle no volume Sueño profundo.
O mundo feminino xaponés reflectido
no día a día de tres mulleres que acaban por perder un referente
humano fundamental nas súas vidas: unha amiga, un irmán ou unha
rival na procura do amor. Nos tres relatos observamos a capacidade da
autora en transformar o cotián en materia narrativa: a contemplación
da paisaxe, o decorrer do tempo, un tempo a miúdo soporífero,
abafante que leva a unha das protagonistas a mergullarse no sono como
única maneira de sobrevivir.
A imposibilidade de unir dúas
culturas tan afastadas, provocará o suicidio de Yoshihiro. Será a
súa irmá, a verdadeira protagonista na segunda das historias, a
que se vexa na necesidade de reconciliar esas dúas culturas, como
paso previo e necesario para continuar a súa existencia.
Conforme imos avanzando na lectura dos
relatos, o mundo onírico vai ocupando un maior espazo. Na derradeira
historia, a protagonista, incapaz de superar o falecemento da súa
rival, sente a necesidade de un último contacto con ela: a procura
da explicación a ese amor fóra de toda norma social preestablecida.
A delicadeza da cultura oriental
personifícase a través da presenza predominante da figura feminina
e da descrición paisaxística: contemplar a cidade a través da
ventá, nevando, convértese nunha maneira de fusionar tempo e
espazo. A neve é a testemuña en primeira persoa das pegadas espidas
de Marie. A paisaxe é unha exquisita metáfora de todo o pesimismo
existencial que percorre cada unha das páxinas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario. Non esquezas por o teu nome.Sairá publicado cando nos chegue.