Desta volta na sesión do Club de
lectura vimos as Ventajas de viajar en tren,
acompañados de Antonio Orejudo e o seu pasaxeiro: Ángel Sanagustín
ou Martín Urales. A esquizofrenia, xunto coas súas fases e as súas
consecuencias é o punto de partida do relato.
O libro racha coa estrutura clásica
de presentación, nó e desenlace, achegámonos a unha forma de
narrar novidosa e realiza un exercicio metaliterario a través do cal
o personaxe cuestiona as formas de narrar que insisten en ser o máis
parecidas á realidade.
O protagonista faise pasar por un
psiquiatra, facultativo que traballa na clínica onde a outra
protagonista, Helga Pato, vén de ingresar o seu home, un escritor
de éxito ao que coñeceu na feira do libro de Frankfurt. Helga
escoita atentamente as supostas historias clínicas que o suposto
psiquiatra lle vai relatando: todo gardado nunha carpeta vermella,
metáfora da impostura narrativa á que estamos asistindo.
O autor, A. Orejudo, gran coñecedor
da obra de Cervantes, realiza xa dende o primeiro relato (El
casamiento engañoso), chiscadelas á obra do escritor do Século
de Ouro. Ángel Sanagustín é o novo Quixote do S. XXI que se afana
en demostrar o aburrimento que supón, para o lector, o esforzo dos
escritores por aparentar verosimilitude nas súas obras.
Martín Urales é quen de artellar
unhas historias rocambolescas, e non sentimos necesidade de buscar referencias na realidade en ningún momento. El crea o seu mundo particular,
instálase nel e decide achegalo a todos os que queiran escoitalo e participar del.
Hai historias duras, desagradables mais tamén momentos divertidos e
situacións cómicas e absurdas: pode ser posible que ao novo dono
dun inmoble non lle recollan o lixo por pertencer ao propietario
anterior? Pois si, e as explicacións xustificando o feito, convencéronnos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario. Non esquezas por o teu nome.Sairá publicado cando nos chegue.