A vida de calquera muller está chea de
manuais, de normas, de obrigas, de responsabilidades e liberarse de
todas elas, limpar e sacudir o po é unha tarefa realmente ardua e
difícil.
A través deste conxunto de relatos
Lucia Berlin, a autora, mergúllase nun xénero literario -a
autoficción- no que se move á perfección. Coñecemos a súa
biografía, dende a infancia ata a idade adulta, a través dos
relatos onde ela mesma, agochada nun alter ego, é a protagonista ou
cede o asento a personaxes que camiñan ao seu carón: o avó, a nai,
os fillos, a curmá ou o simple cidadán que acotío pasa por diante.
Son relatos construídos dende a
sinxeleza, sen grandes alardes narrativos e cuxo obxectivo é a
descrición de situacións cotiás vividas ou percibidas pola propia
protagonista. Ela non oculta a ningúen, e menos aínda ao lector,
as súas miserias: relata a súa dependencia do alcol, das drogas e
das relacións totalmente insubstanciais. Semella ser un imán para
as fatalidades, mais asimilia e zigzaguea entre os problemas,
conseguindo subir ata a superficie para volver comezar.
A protagonista vai percorrendo América
de Sur a Norte, arrastrada pola súa propia familia, polas relacións
persoais ou pola necesidade de atopar acougo nalgún lugar. O mesmo
percorrido nómade que viviu de nena, vaino reflectir na súa familia
e sempre co mesmo obxectivo: procurar o equilibrio entre a terra e a
persoa.
As situacións insólitas,
rocambolescas ou mesmo surrealistas son percibidas polo lector como
intrínsecas á propia vida da protagonista: sendo ela, non podería
suceder doutro xeito.
Chamaron a atención os finais dos
relatos, non hai grande interese en pechar a historia, na maioría
dos casos deixa o final aberto, e é o lector quen o interpreta ou
simplemente pecha o libro e fica durante uns instantes dándolle
voltas ao relato.
Destaca tamén na súa forma de narrar
a enorme simbioxe entre o lugar, como espazo, e o contido que está a
narrar. Delimita cun ritmo narrativo e cun léxico diferente os
distintos lugares polos que pasa: non lemos igual un relato que lle
sucede en Chile ou México, ca un relato situado en Nova York. En
moitas ocasións o ritmo narrativo cambia dentro do propio relato: o
antes e o despois da inxesta do alcol ou da viaxe ata a clínica
clandestina onde ían practicarlle o aborto.
Lucia Berlin é unha artista da
linguaxe, poucos escritores conseguen en poucas liñas transportarnos
de cultura en cultura e de país en país sen caer no tedio de estar
continuamente realizando un exercicio de agudeza lectora para non
perder o fio argumental.
En definitiva, unha lectura que deixou
pouso en cada un de nós e que nos levou a preguntarnos: e agora que
leo?
Obrigadas pola nosa dependencia lectora
seguimos con: Vestido de novia de Pierre Lemaitre
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario. Non esquezas por o teu nome.Sairá publicado cando nos chegue.