Amosando publicacións coa etiqueta curso 2016-2017. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta curso 2016-2017. Amosar todas as publicacións

29/05/17

DESPEDIDA DO CLUB DE LECTURA DE 6º

               Ola!

A nosa última lectura foi "La evolución de Calpurnia Tate", de Jackeline Kelly  e temos dúas opinións completamente distintas do libro:
mentres que a un grupo lle encantou , ó outro non lle gustou en absoluto.

Como xa sabedes, este é o último ano que estamos no colexio e, polo tanto, esta foi a última xuntanza do noso club "O mundo da lectura".
Gustounos moito esta experiencia, porque descubrimos libros que non coñeciamos e compartimos lecturas, risas, diversión e distintas opinións sobre os libros.
Esperamos que no instituto tamén haxa club de lectura para apuntarnos e recomendámosvos que , se vós tedes ocasión de participar nun, que o fagades, porque o ides pasar moi ben.

Queremos darlle as grazas a Mayca por acompañarnos e dedicarnos tanto tempo nas xuntanzas do club.

                                                  Abur!



 Non  vos esquezades de ler e de gozar coa lectura!

27/04/17

XUNTANZA ESPECIAL DOS CLUBS DE LECTURA DE 5º E 6º

Dentro das actividades do mes do libro, os clubs de lectura de 5º e 6º decidimos xuntarnos para falar sobre os nosos momentos e lugares preferidos para a lectura e fixemos un exercicio de creación colectiva de historias,no que saíron cousas curiosas e divertidas: unha forma máis de conmemorar o día do libro.







                         FELICES LECTURAS!!

04/04/17

NOVA XUNTANZA DO CLUB "O MUNDO DA LECTURA"

Ola!
Neste trimestre lemos "Esmeraldina, a pequena defunta", de Ledicia Costas.
O curso pasado lemos "Escarlatina, a cociñeira defunta"e recibimos a visita da autora; e como nos gustou tanto, quixemos ler o novo libro.
Á maioría de nós gustounos máis o primeiro, porque nos pareceu máis intrigante, aínda que este non está mal.O personaxe que máis nos gustou foi a avoa, A Tremenda.

E para a próxima tertulia  cambiamos de estilo e mergullámonos na lectura de "La evolución de Calpurnia Tate", de Jacqueline Kelly.

                                    Ata pronto!

20/01/17

Novo trimestre, nova lectura

Ola a todos e todas !
O club de lectura de 5º iniciamos unha nova lectura.
Como continuamos recordando a figura de Roald Dahl, este trimestre imos ler o libro "As Bruxas"
Esperamos pasalo igual de ben que co anterior, ademáis neste trimestre a familia medrou, pois se animaron dous compañeiros máis.
Un saúdo


20/12/16

CENTENARIO ROALD DAHL

  Con motivo da celebración do centenario do nacemento de Roald Dahl (1916 - 2016), nos clubs de lectura de 5º e 6º estivemos lendo libros do autor (" Charlie e a fábrica de chocolate" e "As bruxas") e mañá miraremos películas baseadas nas súas obras ("Matilda" e "Mi amigo el gigante").
  E como culminación da nosa homenaxe a este gran escritor hoxe elaboramos uns murais nos que recollemos parte da súa vida e da súa obra.Aquí vos deixamos unha foto e a nosa recomendación de que leades algún dos seus libros : veredes como vos gusta!




FELICES FESTAS E FELICES LECTURAS !


06/12/16

MANUAL PARA MUJERES DE LA LIMPIEZA. Lucia Berlin

A vida de calquera muller está chea de manuais, de normas, de obrigas, de responsabilidades e liberarse de todas elas, limpar e sacudir o po é unha tarefa realmente ardua e difícil.
A través deste conxunto de relatos Lucia Berlin, a autora, mergúllase nun xénero literario -a autoficción- no que se move á perfección. Coñecemos a súa biografía, dende a infancia ata a idade adulta, a través dos relatos onde ela mesma, agochada nun alter ego, é a protagonista ou cede o asento a personaxes que camiñan ao seu carón: o avó, a nai, os fillos, a curmá ou o simple cidadán que acotío pasa por diante.
Son relatos construídos dende a sinxeleza, sen grandes alardes narrativos e cuxo obxectivo é a descrición de situacións cotiás vividas ou percibidas pola propia protagonista. Ela non oculta a ningúen, e menos aínda ao lector, as súas miserias: relata a súa dependencia do alcol, das drogas e das relacións totalmente insubstanciais. Semella ser un imán para as fatalidades, mais asimilia e zigzaguea entre os problemas, conseguindo subir ata a superficie para volver comezar.
A protagonista vai percorrendo América de Sur a Norte, arrastrada pola súa propia familia, polas relacións persoais ou pola necesidade de atopar acougo nalgún lugar. O mesmo percorrido nómade que viviu de nena, vaino reflectir na súa familia e sempre co mesmo obxectivo: procurar o equilibrio entre a terra e a persoa.
As situacións insólitas, rocambolescas ou mesmo surrealistas son percibidas polo lector como intrínsecas á propia vida da protagonista: sendo ela, non podería suceder doutro xeito.
Chamaron a atención os finais dos relatos, non hai grande interese en pechar a historia, na maioría dos casos deixa o final aberto, e é o lector quen o interpreta ou simplemente pecha o libro e fica durante uns instantes dándolle voltas ao relato.
Destaca tamén na súa forma de narrar a enorme simbioxe entre o lugar, como espazo, e o contido que está a narrar. Delimita cun ritmo narrativo e cun léxico diferente os distintos lugares polos que pasa: non lemos igual un relato que lle sucede en Chile ou México, ca un relato situado en Nova York. En moitas ocasións o ritmo narrativo cambia dentro do propio relato: o antes e o despois da inxesta do alcol ou da viaxe ata a clínica clandestina onde ían practicarlle o aborto.
Lucia Berlin é unha artista da linguaxe, poucos escritores conseguen en poucas liñas transportarnos de cultura en cultura e de país en país sen caer no tedio de estar continuamente realizando un exercicio de agudeza lectora para non perder o fio argumental.
En definitiva, unha lectura que deixou pouso en cada un de nós e que nos levou a preguntarnos: e agora que leo?


Obrigadas pola nosa dependencia lectora seguimos con: Vestido de novia de Pierre Lemaitre

LA HIJA DE LA CRIADA. Barbara Mutch

Escoitando a música de Grieg caendo dende o alto dos cantís e saboreando o po amarelento da calor africana, é como Barbara Mutch nos introduce nunha historia situada na Sudáfrica do Apartheid.
O contraste brutal entre a vida dos brancos e dos negros vese diluída pola figura de Cathleen, irlandesa de nacemento, que casa cun banqueiro demasiado egocéntrico, para o cal a familia non era máis ca outro elemento ornamental dos moitos dos que facía alarde.
O súa muller é a guía a novela: representante dunha sensibilidade extrema e pouco crible. A súa historia representa o elo que une a brancos e negros: non dubida en dedicar parte do seu tempo na formación de Ada, filla da criada negra que teñen na casa. Cathleen, unha vez que se decata do seu fracaso, a morte do fillo, a rebeldía indomable da súa filla e a violación por parte do seu home de Ada, decide asumir a súa culpa e, nun intento de redimir os pecados, sae na búsqueda do perdón como medio de acougo para a súa conciencia.
Malia todo Barbara Mutch non conseguiu uns personaxes ben definidos, non foron capaces de camiñar sós ao longo das páxinas e nunca saíron do espazo limitado que lle impuña a escritora.
Hai na historia dous espazos, dous mundos totalmente separados e unidos á vez: o río separa e é o mesmo río o que une as vidas das dúas razas destinadas a entenderse porque se necesitan. Sobrevivir e aprender de ambos mundos é a tarefa que Ada desenvolve ao longo da novela.
A autora aproveitou un proceso histórico de enorme transcendencia para rematar coa segregación racial en Sudáfrica, pero non conseguiu espertar o interese do lector: unha lectura que gustou a uns máis ca a outros, pero na que todos coincidimos que ser a filla da criada é un lastre que aínda hoxe a raza negra non conseguiu desamarrar.


Próxima lectura: Manual para mujeres de la limpieza de Lucia Berlin.  

03/10/16

CLUB DE LECTURA DE 6º

Ola!
Somos "O mundo da lectura", o club de lectura de ...6º! (que este xa é o segundo curso no que decidimos xuntarnos para compartir o noso gusto polos libros).
      Empezamos con moitas ganas e cun libro que xa deixamos escollido no mes de xuño: "As bruxas", de Roald Dahl. Ímolo ler para comentar na vindeira tertulia (e animámosvos a facelo, porque parece moi interesante) e, como este ano é o centenario do autor, temos moitas propostas para homenaxealo, que xa vos iremos contando...
        Seguimos en contacto!



Felices lecturas!!!

PARA FACER UN COMENTARIO

-Pulsa co cursor enriba de "comentarios"

-Elixe de identidade "Nombre"e pon o teu nome na casilla

-Escribe no recadro o teu comentario

-Pulsa enriba de "Publicar comentario"

-Sairá publicado máis tarde,cando nos chegue

¡ESPERAMOS OS VOSOS COMENTARIOS!
As ilustración e imaxes que publicamos neste blog teñen un uso educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña.
Grazas