Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura de nais e pais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura de nais e pais. Amosar todas as publicacións

20/05/24

Club de familias

 Esta semana reunímonos no club de lectura para falar dos libros que nos traemos entre as mans. Nesta reunión comentaremos O incendio , de Sara Vila.

Agardámosvos



07/04/24

El mundo deslumbrante

 Este xoves volvémonos reunir para comentar El mundo deslumbrante.

A autora fainos reflexionar sobre a valoración do éxito no mundo do arte con claras desviacións sexistas e lévanos comprobalo con abundante información. As tensión e os intereses no mundo do arte neworquino resultan ser perigosas baixo os seus experimentos.



06/12/16

MANUAL PARA MUJERES DE LA LIMPIEZA. Lucia Berlin

A vida de calquera muller está chea de manuais, de normas, de obrigas, de responsabilidades e liberarse de todas elas, limpar e sacudir o po é unha tarefa realmente ardua e difícil.
A través deste conxunto de relatos Lucia Berlin, a autora, mergúllase nun xénero literario -a autoficción- no que se move á perfección. Coñecemos a súa biografía, dende a infancia ata a idade adulta, a través dos relatos onde ela mesma, agochada nun alter ego, é a protagonista ou cede o asento a personaxes que camiñan ao seu carón: o avó, a nai, os fillos, a curmá ou o simple cidadán que acotío pasa por diante.
Son relatos construídos dende a sinxeleza, sen grandes alardes narrativos e cuxo obxectivo é a descrición de situacións cotiás vividas ou percibidas pola propia protagonista. Ela non oculta a ningúen, e menos aínda ao lector, as súas miserias: relata a súa dependencia do alcol, das drogas e das relacións totalmente insubstanciais. Semella ser un imán para as fatalidades, mais asimilia e zigzaguea entre os problemas, conseguindo subir ata a superficie para volver comezar.
A protagonista vai percorrendo América de Sur a Norte, arrastrada pola súa propia familia, polas relacións persoais ou pola necesidade de atopar acougo nalgún lugar. O mesmo percorrido nómade que viviu de nena, vaino reflectir na súa familia e sempre co mesmo obxectivo: procurar o equilibrio entre a terra e a persoa.
As situacións insólitas, rocambolescas ou mesmo surrealistas son percibidas polo lector como intrínsecas á propia vida da protagonista: sendo ela, non podería suceder doutro xeito.
Chamaron a atención os finais dos relatos, non hai grande interese en pechar a historia, na maioría dos casos deixa o final aberto, e é o lector quen o interpreta ou simplemente pecha o libro e fica durante uns instantes dándolle voltas ao relato.
Destaca tamén na súa forma de narrar a enorme simbioxe entre o lugar, como espazo, e o contido que está a narrar. Delimita cun ritmo narrativo e cun léxico diferente os distintos lugares polos que pasa: non lemos igual un relato que lle sucede en Chile ou México, ca un relato situado en Nova York. En moitas ocasións o ritmo narrativo cambia dentro do propio relato: o antes e o despois da inxesta do alcol ou da viaxe ata a clínica clandestina onde ían practicarlle o aborto.
Lucia Berlin é unha artista da linguaxe, poucos escritores conseguen en poucas liñas transportarnos de cultura en cultura e de país en país sen caer no tedio de estar continuamente realizando un exercicio de agudeza lectora para non perder o fio argumental.
En definitiva, unha lectura que deixou pouso en cada un de nós e que nos levou a preguntarnos: e agora que leo?


Obrigadas pola nosa dependencia lectora seguimos con: Vestido de novia de Pierre Lemaitre

LA HIJA DE LA CRIADA. Barbara Mutch

Escoitando a música de Grieg caendo dende o alto dos cantís e saboreando o po amarelento da calor africana, é como Barbara Mutch nos introduce nunha historia situada na Sudáfrica do Apartheid.
O contraste brutal entre a vida dos brancos e dos negros vese diluída pola figura de Cathleen, irlandesa de nacemento, que casa cun banqueiro demasiado egocéntrico, para o cal a familia non era máis ca outro elemento ornamental dos moitos dos que facía alarde.
O súa muller é a guía a novela: representante dunha sensibilidade extrema e pouco crible. A súa historia representa o elo que une a brancos e negros: non dubida en dedicar parte do seu tempo na formación de Ada, filla da criada negra que teñen na casa. Cathleen, unha vez que se decata do seu fracaso, a morte do fillo, a rebeldía indomable da súa filla e a violación por parte do seu home de Ada, decide asumir a súa culpa e, nun intento de redimir os pecados, sae na búsqueda do perdón como medio de acougo para a súa conciencia.
Malia todo Barbara Mutch non conseguiu uns personaxes ben definidos, non foron capaces de camiñar sós ao longo das páxinas e nunca saíron do espazo limitado que lle impuña a escritora.
Hai na historia dous espazos, dous mundos totalmente separados e unidos á vez: o río separa e é o mesmo río o que une as vidas das dúas razas destinadas a entenderse porque se necesitan. Sobrevivir e aprender de ambos mundos é a tarefa que Ada desenvolve ao longo da novela.
A autora aproveitou un proceso histórico de enorme transcendencia para rematar coa segregación racial en Sudáfrica, pero non conseguiu espertar o interese do lector: unha lectura que gustou a uns máis ca a outros, pero na que todos coincidimos que ser a filla da criada é un lastre que aínda hoxe a raza negra non conseguiu desamarrar.


Próxima lectura: Manual para mujeres de la limpieza de Lucia Berlin.  

13/07/16

LA AMIGA ESTUPENDA . Elena Ferrante.

La amiga estupenda é o primeiro volume dunha tetraloxía dedicada a estas dúas amigas napolitanas.
A cidade de Nápoles durante os anos 50 é o escenario elixido por Elena Ferrante para botar á vida a dúas raparigas: Lina e Lenù. As súas historias son as historias dunha sociedade onde sobrevivir é a única tarefa á que se encomendan.
A novela semella un cadro costumista que vai cobrando vida a medida que Lina e Lenù van pisando as rúas e participando dunha vida na que deben sobrevivir como heroínas.
Mergullámonos na vida das familias, comemos con elas e ata chegamos a comprender os seus movementos e os seus comportamentos: actúan empurradas polo afán de supervivencia, de seguir vivos e non sucumbir a esa riada de miseria.
O lector/a, levado da man de Lenú, a narradora, asiste a un verdadeiro espectáculo: os asasinatos, as estorsións, o poder do diñeiro, a política clandestina...
Neste primeiro volume, Elena Ferrante céntrase na infancia e adolescencia destas dúas mozas. Lina irá marcándolle o sendeiro a Lenú, un sendeiro que ela mesma non vai seguir porque antepón as necesidades da súa familia ás súas propias. A escola, a lingua, fronte ao dialecto que predomina entre as familias que viven nese barrio, convértense en marcas diferencias para Lenù: falar en italiano e ir á escola suporalle ser respectada e mesmo valorada. Xa dende as primeiras páxinas vemos un desexo de aferrarse á escola como medio para saír desta situación abafante e caótica na que están inmersas.
As diferenzas entre home e muller son evidentes: o home é o que trae o soldo á casa, a muller é unha posesión que debe estar ao seu servizo. A violencia forma parte da propia idiosincrasia do Nápoles dos anos 50, onde todo o coro de personaxes debe adaptarse a ese espazo no que lles tocou vivir.
En definitiva, unha novela que daría para horas e horas de tertulia e que a ningunha de nós deixou indiferente.


Temos deberes para o verán!! A próxima lectura: La hija de la criada de Barbara Mutch

08/05/16

CICATRIZ. Sara Mesa

O Club de lectura de adultos volvemos reunirnos para comentar o libro Cicatriz de Sara Mesa.
Todos coincidimos en que a autora, a través dunha linguaxe sinxela, sen artificios literarios, procurando sempre a claridade na súa exposición, conseguiu pór de relevo temas fundamentais na sociedade actual: a denuncia do consumismo; o afán por acumular e a satisfacción que iso provoca na protagonista; a dependencia das redes sociais ou a desaparición dos límites ente o correcto, o posible e o real fronte á creación dun mundo paralelo: virtual, imposible e irreal.
Un acontecemento, en apariencia insignificante, dá comezo á historia: a protagonista, fuxindo do tedio laboral, participa nun foro literario en internet. O contacto con Knut, personaxe peculiar e misterioso, agochado no anonimato que concede o mundo virtual, vai asolagando a súa vida con continuos agasallos literarios e conseguindo que a ansiedade da protagonista aumente con cada paquete recibido. A orixe dos agasallos, totalmente ilícita, non semella ter importancia, acaba por ser algo natural e mesmo necesario na relación: non nos sorprende que Knut percorra todos os centros comerciais da contorna madrileña na procura de libros, perfumes, roupa, etc. que teñen como destinataria a Sonia. É o seu modo de vivir, de manter viva a relación con Sonia.
Sara Mesa consegue crear unha historia ben artellada, sen saírse do guión e do motivo principal: a estraña relación entre os dous protagonistas. A historia desenvólvese en círculos concéntricos: no centro, a relación entre Knut e Sonia, e ao redor, sen concederlle apenas importancia, atopamos o matrimonio e o nacemento do fillo de Sonia ou a relación de Knut cunha muller de idade avanzada, son satélites que xiran ao redor.
A reflexión que tamén subxace no libro é a dificultade que Sonia, pertencente a unha familia cunha economía modesta e cun traballo tamén modesto, ten para para acceder á cultura. Os libros cos que Knut a vai agasallando, constitúen unha maneira fácil de encher a súa bagaxe cultural, á vez que a vai formando como lectora, como crítica literaria e como escritora.
Unha historia de dependencia interpersoal que non nos deixou indiferentes. Facer desaparecer o michazo provocado logo da lectura de Cicatriz, de Sara Mesa, vai ser unha tarefa algo complicada.

A próxima lectura: La amiga estupenda de Elena Ferrante.


20/03/16

LA LEY DEL MENOR. Ian Mcewan

As responsabilidades de Fiona, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza, non rematan dentro da paredes do edificio do tribunal, é a conclusión á que chegou a protagonista de La ley del menor. Todo o mundo busca o mesmo: un sentido.
Nos alicerces da vida familiar de Fiona e Jack comezan a aparecer fendas, ao mesmo tempo que ela intenta organizar e resolver a vida familiar e persoal dos demais a través de diferentes sentenzas, a súa propia vida carece dun referente legal que a poña en orde. Jack anúncialle que necesita vivir a súa última aventura amorosa, o mundo de Fiona, as ideas de estabilidade, organización e comodidade dunha parella de clase alta comezan a pórse boca abaixo. Ela, acostumada a escoitar e ditar sentenzas para pór orde nas familias, ve que a súa xa non é tan sólida como ela pensaba.
Conforme avanzamos na lectura imos asistindo á resolución de diferentes casos que caen nas mans de Fiona: a decisión sobre a educación das fillas dun matrimonio pertencente á comunidade jaredí do norte de Londres; decidir salvar a un dos siameses ou deixar morrer os dous bebés e posicionarse legalmente ante a necesidade dunha transfusión de sangue nun rapaz menor de idade que pertence ao grupo relixioso dos Testemuña de Xehová. Será Adam quen vai conseguir que a vida da maxistrada experimente un verdadeiro cambio.
Os acordes do piano e do violín constitúen unha metáfora da relación entre Fiona e Adam. A medida que a relación se fai máis intensa, a música de Mahler e o seu The Salley Gardens cobra maior protagonismo: é a composición que Adam lle intenta interpretar no hospital, mais do violín só se escoita un miañar de gatos. A música enmudece na cabeza de Fiona ao volver do concerto no Great Hall logo de interpretar esa mesma melodía e ser consciente da realidade: Adam negárase a unha transfusión e falecera, xa cumpridos os dezaoito.
A choiva acompaña a Fiona nos momentos cruciais: chove cando Jack lle di que quere vivir a súa última aventura, chove cando coñece a Adam no hospital, chove cando Adam a persegue ata Newcastle, chove cando volve do concerto. No momento en que ela permite que a choiva a empape, a súa vida comeza a tomar un novo impulso e é ela quen a dirixe.


 A nosa próxima lectura será: Cicatriz de Sara Mesa.

07/02/16

Ventajas de viajar en tren. Antonio Orejudo

Desta volta na sesión do Club de lectura vimos as Ventajas de viajar en tren, acompañados de Antonio Orejudo e o seu pasaxeiro: Ángel Sanagustín ou Martín Urales. A esquizofrenia, xunto coas súas fases e as súas consecuencias é o punto de partida do relato.
O libro racha coa estrutura clásica de presentación, nó e desenlace, achegámonos a unha forma de narrar novidosa e realiza un exercicio metaliterario a través do cal o personaxe cuestiona as formas de narrar que insisten en ser o máis parecidas á realidade.
O protagonista faise pasar por un psiquiatra, facultativo que traballa na clínica onde a outra protagonista, Helga Pato, vén de ingresar o seu home, un escritor de éxito ao que coñeceu na feira do libro de Frankfurt. Helga escoita atentamente as supostas historias clínicas que o suposto psiquiatra lle vai relatando: todo gardado nunha carpeta vermella, metáfora da impostura narrativa á que estamos asistindo.
O autor, A. Orejudo, gran coñecedor da obra de Cervantes, realiza xa dende o primeiro relato (El casamiento engañoso), chiscadelas á obra do escritor do Século de Ouro. Ángel Sanagustín é o novo Quixote do S. XXI que se afana en demostrar o aburrimento que supón, para o lector, o esforzo dos escritores por aparentar verosimilitude nas súas obras.
Martín Urales é quen de artellar unhas historias rocambolescas, e non sentimos necesidade de buscar  referencias na realidade en ningún momento. El crea o seu mundo particular, instálase nel e decide achegalo a todos os que queiran escoitalo e participar del. Hai historias duras, desagradables mais tamén momentos divertidos e situacións cómicas e absurdas: pode ser posible que ao novo dono dun inmoble non lle recollan o lixo por pertencer ao propietario anterior? Pois si, e as explicacións xustificando o feito, convencéronnos.

01/01/16

Sueño profundo. Banana Yoshimoto

Afondar no necesario e imprescindible loito, describir as secuelas logo da morte dun ser próximo a cada unha das protagonistas, é o elo de unión entre as tres historias que Banana Yoshimoto recolle no volume Sueño profundo.
O mundo feminino xaponés reflectido no día a día de tres mulleres que acaban por perder un referente humano fundamental nas súas vidas: unha amiga, un irmán ou unha rival na procura do amor. Nos tres relatos observamos a capacidade da autora en transformar o cotián en materia narrativa: a contemplación da paisaxe, o decorrer do tempo, un tempo a miúdo soporífero, abafante que leva a unha das protagonistas a mergullarse no sono como única maneira de sobrevivir.
A imposibilidade de unir dúas culturas tan afastadas, provocará o suicidio de Yoshihiro. Será a súa irmá, a verdadeira protagonista na segunda das historias, a que se vexa na necesidade de reconciliar esas dúas culturas, como paso previo e necesario para continuar a súa existencia.
Conforme imos avanzando na lectura dos relatos, o mundo onírico vai ocupando un maior espazo. Na derradeira historia, a protagonista, incapaz de superar o falecemento da súa rival, sente a necesidade de un último contacto con ela: a procura da explicación a ese amor fóra de toda norma social preestablecida.

 A delicadeza da cultura oriental personifícase a través da presenza predominante da figura feminina e da descrición paisaxística: contemplar a cidade a través da ventá, nevando, convértese nunha maneira de fusionar tempo e espazo. A neve é a testemuña en primeira persoa das pegadas espidas de Marie. A paisaxe é unha exquisita metáfora de todo o pesimismo existencial que percorre cada unha das páxinas.  

27/07/15

BLITZ. David Trueba


A última das novelas coa que pechamos o club de lectura foi Blitz, de David Trueba. Unha obra demasiado enlatada, previsible, cuns personaxes totalmente planos que actúan como di o título, como lóstregos, guiados polas arroutadas do seu instinto. Beto vai contanto en primeira persoa toda a súa historia a partir da ruptura con Marta. É un personaxe despreciable e para nada foron cribles as súas actuacións. Pareceunos fóra de lugar a maneira de introducir as personaxes femininas: Marta, ideal de beleza e mocidade, fronte a Helga: o deterioro e a vellez. Interesante foi a idea de partir da profesión de Arquitecto Paisaxista, novidosa para moitos de nós e de gran prestixio a nivel internacional. Un libro do que agardabamos máis e que nos quedou escaso, pasou coma un relampo mais sen luz e sen ruído. 

UNA SEMANA EN LA NIEVE. Ennmanuel Carrère



Ter un pai comercial de próteses ortopédicas e de aparellos cirúrxicos podía ter moitas vantaxes, así o vía Nicolas, o protagonista do libro de Emmanuel Carrère. O rapaz ía acumulando os cupóns que o pai lle conseguía nas gasolineiras, gardábaos na súa caixa forte, igual que gardaba os seus sentimentos máis íntimos, cun contrasinal que só el coñecía e ao que era imposible acceder. O pai decide que Nicolás pasará Una semana en la nieve, xunto cos compañeiros de colexio. Logo de o levar ata o albergue no seu coche, a bolsa de equipaxe de Nicolas non sae do maleteiro e este acontecemento, en principio insignificante, dará pé a unha historia chea de misterio. O autor, dende a óptica dun neno de apenas oito anos, foi quen de sacar á luz todas as miserias dun mundo de adultos onde os instintos máis criminais van tomando forma. Conforme avanzamos na lectura sentimos mágoa polo pequeño Nicolas: un neno cheo de inseguridades, vítima do ambiente familiar no que se cría e que crea un mundo paralelo no que conseguir sobrevivir a unha realidade que o catapulta á miseria e que o abafa. Con todo, esa mágoa inicial evolúe conforme o fai o personaxe e convértese en certo odio ante a incapacidade de rachar co pasado. Para todos nós, a brillantez do libro radica na maxistral maneira de perfilar os personaxes: sen apenas indicacións concretas sabemos da violencia que sofre a nai, anulada vitalmente, intuímos a orixe familiar desestruturada de Hodkmann ou o perfil asasino do pai de Nicolas. O albergue, espazo fundamental na obra, acaba por converterse no espazo que lle achega seguridade ao neno e o personaxe de Patrick elevado á categoría de heroe, é a figura masculina que Nicolas idealiza. Sen dúbida, unha moi recomendable lectura para arrefriar as tardes calorosas do verán.

29/03/15

FELICES LOS FELICES. YASMINA REZA

Unha perfecta arañeira en que os personaxes van unindo os seus fíos e tecendo a súa vida, é a obra da francesa Yasmina Reza que “destecemos” nesta ocasión no club de lectura.
 O propio título Felices los felices semella unha sentenza bíblica, un contrasinal necesario para mergullarnos como simples espectadores neste babel de vidas, en apariencia cotiás e comúns. O acerto fundamental da francesa foi a capacidade de converter o cotiá en materia narrativa, interesante para o lector.
 A través dun perfecto dominio da linguaxe conseguiu a recreación de ambientes e situacións, en apariencia do máis normais, mais que pretendían suscitar no lector unha profunda reflexión: imaxinar a discusión entre unha parella nun supermercado, sobre algo, tan absurdo como a lista da compra, permítenos reflexionar sobre as relacións humanas e as necesidades máis primarias. A conversa nunha sala de espera antes de entrar nunha sesión de radioterapia ou o periplo da bolsa “Go Sport” coas cinzas de Ernest, son outros dos capítulos que nos fan matinar na sinxeleza do ser humano.
 Os personaxes que van actuando neste gran teatro da vida son vistos dende diferentes ópticas: Chemla, o oncólogo, é presentado pola nai de Vicent como un especialista escepcional e loable e no seguinte capítulo preséntase como unha persoa cun pasado familiar traumático que marca a súa existencia.
 O deterioro do ser humano: a hipocrisía, a falsidade, a morte, a loucura, a infidelidade vista como unha faceta ligada á propia existencia, son os temas recorrentes nestas páxinas: o Alzeimer é unha enfermidade marabillosa, chega a dicir Darius, porque “ninguén che leva a contraria”; as residencias da terceira idade convértense en consultas freudianas; traballar como “conselleiro técnico” e cobrar por xogar ao bridge é algo do que fardaba o pai de Damien Banèche, ou obsesionarse con Celine Dione, ata chegar á tolemia, é a maneira de sobrevivir que ten Jacob Hutner. A bolsa de deporte rosa e negra onde trasladan as cinzas de Ernest, é toda unha alegoría á falsidade e á hipocrisía que percorren as páxinas deste libro.
  Felices los felices resultou ser un alegato, en clave irónica, contra todos os deuses mundanos que adoramos nesta sociedade do século XXI.

 A próxima lectura: Una semana en la nieve de Emmanuel Carrère

01/02/15

VUELTA A CASA de Julie Kliber

Resolvendo encrucillados durante a viaxe máis importante das súas vidas para Isabelle e Dorrie, así imos descubrindo os sentimentos máis íntimos desta amizade entre dúas persoas pertencentes a dous mundos tan diferentes e que timidamente comezan a mesturarse. Isabelle e Dorrie emprenden unha viaxe a Cincinnati para asistir ao funeral da filla de Isabelle. É unha viaxe cargada de emotividade, lembranzas e sobre todo, unha viaxe que vai reafirmar a relación entre elas. O percorrido físico é tamén un percorrido vital pola vida das dúas protagonistas. Elas conseguen, á súa maneira, atopar sentido á súa existencia: Isabelle recupera, dalgún xeito, a súa filla e Dorrie "recupera" o seu fillo e a confianza no amor. Unha das achegas fundamentais do libro foi a de achegarnos unha visión da segregación racial nos Estados Unidos dos anos 30, e a vixencia na actualidade. Todo un acerto crear tal parella: unha americana e unha afroamericana. Julie Klibler foi amosando os modos de vida de brancos e negros, a imposibilidade de contacto físico e as fortes diferenzas sociais entre eles. Unhas diferenzas que, dalgunha maneira, continúan na actualidade. Coincidimos todas en que a maior pexa do libro foi a súa estrutura: demasiado simple para achegarnos a un tema tan complexo e crucial da historia norteamericana. O comportamento dalgúns personaxes: o carácter pouco resolutivo do pai, a frialdade da nai de Isabelle ou o carácter inhumano e machista dos irmáns non son de todo cribles, semellan títeres cumprindo un mandado. Personaxes carentes de personalidade que deixan moitas preguntas sen resposta e parecen "pegotes" neste escenario americano. Estamos ante uns personaxes, en xeral, cuns comportamentos predicibles, nun tempo e nun espazo que lles tocou vivir. Vémonos na próxima lectura: Felices los felices de Yasmina Reza.

05/06/14

Nada. Jane Teller

O pasado xoves 29 de maio volvemos xuntarnos ao redor de Nada, o libro de Jane Teller. Todas e todos coincidimos en que foi unha lectura dura, cuns personaxes que representan o nihilismo máis profundo. Conforme iamos avanzando na lectura, a sensación de desacougo e desesperanza apoderábase de nós. O libro comeza coa negación máis absoluta "nada ten sentido" e vai medrando nese forte desexo por atopar sentido á existencia. O libro semella unha versión urbana de O señor das moscas, onde o influxo nórdico da autora é palpable: ese afán sanguinario, obsceno nun ambiente hostil e deplorable. Cada un dos compañeiros de clase vai aumentando a montaña de significado para, nun primeiro momento convencer a Pierre A. de que a existencia ten unha razón, mais eles mesmos acaban sucumbindo nesta voráxine totalmente destrutiva. En definitiva, un libro que admite múltiples análises e que nos fai pensar e reflexionar nesa etapa vital que é a adolescencia, na cal todo é cuestionábel.

05/04/14

A evolución de Calpurnia Tate. Jacqueline Kelly

Calpurnia Tate, o seu avó e o gran naturista Darwin, volveron xuntarnos o xoves 3 de abril na biblioteca de Quintela.
A protagonista do libro de Jaqueline Kelly espertou as nosas simpatías por ser unha rapaza con inquietudes moi definidas, nunha sociedade tan patriarcal na fin do S. XIX. Tate herda o interese naturista e á vez vai experimentando co método dedudito que o seu avó, un coetáneo de Darwin, lle vai inculcando.
O avó, un personaxe moi destacado na historia, traslada o seu método científico á sociedade daquel entón, e mesmo á súa familia: el observa dende a distancia, uns chanzos por enriba, e toma decisións. Decátase de que Calpurnia é a súa herdeira e cada vez vaina atraendo máis e máis cara ao seu espazo.
A novela consegue ofrecernos unha panorámica da sociedade do S. XIX, onde homes e mulleres tiñan os seus espazos e as súas obrigas moi definidos. Tate resístese a esa férrea barreira e, pouco a pouco, vai gañando terreo: non entende como os seus irmáns queren a toda costa casar, resístese a aceptar a muller elixida polo seu irmán ou mesmo a aprender as tarefas que, segundo a súa nai, son propias dunha rapariga.
Detalles curiosos vai enchendo as páxinas da novela: o suceso co pavo, a elaboración do licor por parte do avó, a ridiculez na presentación da moza de Harry ou como o avó a consegue "espantar" amosándolle os escaravellos, etc.
Aínda que a autora se permitiu determinadas licenzas, das cales advirte aos lectores experimentados, non por iso deixa de ter o seu interese a obra, en canto á visión que dá da sociedade do XIX, e sobre todo, o influxo de Darwin, naquel momento considerados un home  e un libro (A orixe das especies) malditos.
Todas e todos coincidimos en que nos pareceu unha lectura agradable e sobre todo unha lectura que todas as rapazas e rapaces deberían ler e analizar.

30/01/14

No confíes en Peter Pan, de J. Verdon

No confíes en Peter Pan. J. Verdon

Atraídos pola poderosa palabra de Verdon, xuntámonos noutra nova sesión do Club de lectura de adultos.
Nesta ocasión, unha novela policiaca: No confíes en Peter Pan, conseguiu que as xélidas temperaturas destes días non fosen un impedimento para xuntármonos. O malvado Peter Pan fíxonos entrar en calor.
Todas e todos coincidimos en que foi unha lectura "moi potente". Non nos deixaron indiferentes as personaxes que por ela desfilaron: a muller de Dave Gurney, Madeleine. unha psiquiatra que ao chegar á casa consegue esquecer totalmente o seu traballo e centrarse en actividades do máis cotiá, e non por iso do máis suxestivas: construír un galiñeiro no circundado, preocuparse polo seu galo "Horacio" e polas súas galiñas. É quen de explicar con sutileza o comportamento do seu galo, sen nos chegar a parecer ridículo, ou de emocionarse coa participación nunha típica feira americana.
Para o seu home, o detective Gurney, ela é o piar da casa, en varias ocasións deixa constancia da súa superioridade intelectual, algo do que se sente orgulloso. Con todo, no protagonista afloran certos comportamentos un tanto "machistas": é ela a que se ocupa dos quefaceres diarios da casa.
Chamou a nosa atención a capacidade do autor para crear ambientes: varios son os momentos en que podemos pechar os ollas e trasladarnos a esa feira americana de gando sen sentirnos alleos ao lugar. A descrición é totalmente absorbente e envolvente.
Verdon conseguiu manternos pegados á cadeira e que non nos retirásemos da súa fiestra: necesitabamos saber quen era o asasino e como sucedera aquela morte case imposible.
A creación do antagonista, un tanto cómico e camaleónico, foi todo un acerto. Os seus movementos lembraban os dunha rata imposible de capturar e cunha mente do máis perversa. O personaxe vólvese un xigante en contraste co seu diminuto corpo,  un ser diabólico.
Coas reflexións que Dave vai facendo ao longo das páxinas, o autor crea un personaxe sólido onde albiscamos as súas teimas e as súas dores: a morte do fillo, as preocupacións cotiás, etc…
En definitiva: unha lectura que nos queceu a mente e o corpo nestes días de frío intenso.

29/11/13

La verdad sobre el caso de Harry Quebert

A cidade de Aurora, no estado americando de New Hampshire é o escenario onde se desenvolve a novela coa que reanudamos as sesións do club de lectura: La verdad sobre el caso de Harry Quebert.
Todas e todos coincidimos en que é un libro novidoso respecto á maneira de narrar, hai varios planos que se mesturan: a relación entre o escritor, Harry e a rapaza Nola, ou entre ambos escritores: Harry e Marcus.
A peculiaridade dos personaxes: Marcus, o Formidable, consegue ser o mellor durante a  adolescencia sen arriscar nada; Harry non acaba por ser o escritor que todo EE.UU cría, e Nola evolúe dende unha inocente nena ata que o escritor a converte nun ser case demoniaco.
O libro arrinca coa aparición do cadáver de Nola no xardín de Harry, a partir dese momento todo se desencadea.
O que máis nos sorprendeu foi a capacidade do autor por metaliteraturizar a propia literatura; así o mestre, Harry, vai dando leccións ao seu pupilo e este, á súa vez reflexiona criticamente sobre a escrita, os editores ou o propio mercado editorial.
Os retratos dos personaxes que van desfilando polo libro son totalmente singulares: a nai de Marcus, obsesionada porque o fillo case; o pai de Nola, un ser polo cal sentimos un forte desprezo ata que o autor consegue que nos compadezamos del ou os donos do Clark´s, unha clara mostra da hipocrisía social.
A técnica narrativa utilizada fai que, unha vez que comecemos o libro,  nos subamos nunha montaña rusa. En ocasións a acción desfila a gran velocidade cara ao final e de súpeto prodúcese un xiro e comezamos a subir: outra vez hai que reformular e intentar averiguar quen é o asasino.
En definitiva, unha novela que nos mantivo á expectativa ata o final.

27/11/13

A verdade sobre...

Mañá xoves, as 8 h. o club de lectura de nais ten unha cita na biblioteca do cole.
O libro que imos comentar é " La verdad sobre el caso Harry Quebert" de Joel Dicker, editado por Alfaguara.
A novela trata dun misterio, que intentará resolver o seu protagonista, un escritor de éxito. A trama da moitas voltas, e consigue sorprendernos unha e outra vez, ata o fin.
si che gustou o libro, achégate a biblioteca a compartir con nós a túa opinión.

24/05/13

Caribou Island

Xuntanza do Club de lectura. Xoves, 23 de maio de 2013

Camiñar pola paisaxe inhóspita de Alaska a partir do libro de Caribou Island, foi o percorrido do club de lectura deste mes de maio.
David Vann, con gran mestría, conseguiu unha simbiose perfecta entre personaxes, paisaxe e clima, non en balde estamos en Alaska.
Vann foi quen de introducir, partindo dunha historia cotiá, un tema de extrema crueldade como é o maltrato. Gary, un dos personaxes principais, un ser que se considera superior perante a súa dona, é un fracasado, e desa frustración vital vai empapando a Irene.
A propia Irene acaba sucumbindo a toda esa maraña de desafectos. Malia advertir á filla de que está a repetir o mesmo rol, non é quen de emerxer e afoga na súa propia existencia.
Cada un dos personaxes posúe as súas peculiaridades: Monique aparece coma un lóstrego, pon a Jim no seu lugar e desaparece. Outros, son auténticos monicreques movidos polos fíos do clima, da paisaxe ou do contorno social.
Un dos grandes acertos do autor é a linguaxe: a capacidade de describir os espazos, os movementos e mesmo conseguir fundir a voz do narrador coa dos protagonistas.
Os espazos habitados, principalmente a cabana,  acaban por converterse en metáforas do fracaso vital dos personaxes.
Son relacións, en definitiva, gobernadas por un clima duro, agresivo e escuro que os leva a sucumbir na súa propia existencia.

18/04/13

Sueños en el umbral. Fatema Mernissi

Nunha verdadeira ensoñación foi como nos sentimos ao mergullarnos na lectura de Sueños en el umbral. Mernissi conseguiu, a través da delicadeza da súa linguaxe, embriagarnos cos olores  e cores do Marrocos máis xenuíno e auténtico.
Os haréns, a loita pola pervivencia dos costumes máis tradicionais, ou os modos de vida das mulleres en Marrocos son o fío condutor da historia.
Escoitamos de fondo a voz máxica de Shahrazad e os seus Contos das mil e unha noites, momentos especiais para as mulleres e para Fatema. O teatro, os contos, a oralidade en si mesma representa para elas unha maneira de achegarse á liberdade, de facer medrar as ás, fronte ás rexas paredes do harén.
Todos e todas coincidimos na capacidade da autora para desmitificar o mundo árabe; transmitirnos, a través destas páxinas, unha sociedade rexamente organizada onde cadaquén representa o seu papel, mais tamén se poden albiscar os síntomas de cambio entre a sociedade feminina.
Momentos de especial beleza son os vividos polas mulleres na terraza, nos rituais do baño, mesmo escoitando a música "prohibida". Son momentos en que podemos ulir e sentir a calor deste país coas cores do solpor.
A través dos ollos dunha nena, a autora transmitiunos todo un mundo de sensacións, aromas e cores cos que gozamos. Unha nena que foi medrando páxina a páxina ata poder participar dese mundo tan feminino.
Fatema Mernissi enfeitizounos e permitiunos adormecer no limiar que separa a realidade do soño.

PARA FACER UN COMENTARIO

-Pulsa co cursor enriba de "comentarios"

-Elixe de identidade "Nombre"e pon o teu nome na casilla

-Escribe no recadro o teu comentario

-Pulsa enriba de "Publicar comentario"

-Sairá publicado máis tarde,cando nos chegue

¡ESPERAMOS OS VOSOS COMENTARIOS!
As ilustración e imaxes que publicamos neste blog teñen un uso educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña.
Grazas